SALITRE TEN QUE IR AO CARRO

Unha vez ao ano todos os barcos teñen que ir ao carro. As xentes do mar saben ben que quere dicir isto. Aos terrícolas explicarémoslle que o carro son as vías polas que se soben os barcos nos estaleiros, para deixalos en seco e poder reparalos ou limpalos e pintalos. Chegou o momento en que Salitre tamén ten que ir ao carro. Limparémolo ben, rasparémoslle o verdín e pintarémolo de patente de moitas cores. Logo en setembro botarémolo de novo para volver a sucar o mar que cantaron Martín Codax, Manuel Antonio, López Abente, ou Bernardino Graña. Para atracar nos portos nos que traballan os homes e mulleres que son mar, que son máis peixes que humanos, aínda que con moita humanidade baixo as escamas, e que son realmente os que inspiran aos poetas que cantan ao mar. Salitre precisa de todas as voces portuarias e mariñeiras para producir o vento que empuxe as súas velas. Agardamos por todos os portuarios e mariñeiros, e aos terrícolas tamén, para volver a navegar xuntos. Mentres tanto que os Espíritos Mariños vos acompañen e vos axuden, meus amigos de salitre e vento.

X. H. Rivadulla Corcón

Deixar un comentario