SALITRE TEN QUE IR AO CARRO

Posted in Uncategorized on 2009/07/24 by programasalitre

Unha vez ao ano todos os barcos teñen que ir ao carro. As xentes do mar saben ben que quere dicir isto. Aos terrícolas explicarémoslle que o carro son as vías polas que se soben os barcos nos estaleiros, para deixalos en seco e poder reparalos ou limpalos e pintalos. Chegou o momento en que Salitre tamén ten que ir ao carro. Limparémolo ben, rasparémoslle o verdín e pintarémolo de patente de moitas cores. Logo en setembro botarémolo de novo para volver a sucar o mar que cantaron Martín Codax, Manuel Antonio, López Abente, ou Bernardino Graña. Para atracar nos portos nos que traballan os homes e mulleres que son mar, que son máis peixes que humanos, aínda que con moita humanidade baixo as escamas, e que son realmente os que inspiran aos poetas que cantan ao mar. Salitre precisa de todas as voces portuarias e mariñeiras para producir o vento que empuxe as súas velas. Agardamos por todos os portuarios e mariñeiros, e aos terrícolas tamén, para volver a navegar xuntos. Mentres tanto que os Espíritos Mariños vos acompañen e vos axuden, meus amigos de salitre e vento.

X. H. Rivadulla Corcón

NO GROVE UN MAR MOI VERDADEIRO

Posted in Uncategorized on 2009/07/20 by programasalitre

Ao pensar no porto do Grove vexo luz e sinto tranquilidade. Pola ría de Arousa entra no Grove unha brisa mariña luminosa e sosegada. Isto fai que apreciemos neste porto un ritmo distinto, de xentes con tempo para deterse a contemplar a vida, o que permite unha mirada sobre ela reflexiva e por tanto filosófica. Son as xentes do mar do Grove de natural mariñeiras, como se este aspecto viñera a eles coa propia vida, non como algo adquirido no transcurso dela, como se naceran xentes mariñas, por iso miran ao mar e falan con el e del como quen o fai con xente de confianza. Isto permite ter unha visión sen dramatismos das traxedias mariñas, o que deixa espazo para manifestacións de alegría. Son xentes alegres porque saben destilar a alegría no alambique das historias mariñas. Resultounos un mar moi verdadeiro este do Grove por esa naturalidade tan mariñeira, onde cada cousa é o que é porque non existe a posibilidade de ser outra cousas. Cando se é mar se é sen máis.

X. H. Rivadulla Corcón

Luns 20. Porto de “O GROVE”

Posted in Uncategorized on 2009/07/17 by programasalitre

Salitre navegará  na compaña dos membros da Asociación Amigos da dorna Meca de O Grove., os cales se preocupan da recuperación de embarcacións antigas e dornas cas cales acoden a regatas  de diferentes lugares da Ría de Arousa.  Neste tipo de embarcación D. José Triñáns naufragou, fai anos, preto da Illa de Sálvora. Paseando polo porto de O Grove é fermoso atoparse coas collareiras vendendo as pezas artesán que elas mesmas elaboran.

Esta vila estivo marcada por importantes emigracións á diversos lugares de Europa, este motivo marcou o carácter das súas xentes que o demostran ca súa familiaridade ás persoas que visitan o lugar. José Vicente foi un dos moitos mecos que viviron esta experiencia. Outros fixeron o camiño contrario por amor a unha muller como lle aconteceu ao italiano Rafaelle Mansi.

Nesta vila atopamos a peixería san Martiño creada pola confraría que vende unha media de 600 quilos ao día. David e Vanessa, cuñados, dedícanse ao marisqueo e falarán das vantaxes que lles ofrece este oficio á hora de compaxinalo ca crianza dos fillos. Os nenos do Grove teñen soños, e algún deles, como o pequeno Mateo soña con ser un gran capitán, quizais dun fermoso buque de vapor como o Hidria Segundo.

Salitre con Cariño. Luns 13 de xullo

Posted in Uncategorized on 2009/07/10 by programasalitre

Este é o porto con máis tradición no Cantábrico galego. A captura máis importante deste porto era a pescada pero son o xurelo, a sardiña, e a xarda. Sen esquecer o percebe. Suso Vizoso, falarános da importancia desta institución en Cariño. Guillermo Canosa e un percebeiro que traballa sempre nos perigosos aguillóns do Cabo Ortegal. Luis Hevia ensinaranos os mares a as diferentes pedras que conforman a costa de Cariño. Inés agora traballa nunha conserveira pero antes estivo embarcada nunha draga. Ubaldo e un dos vellos mariñeiros de Cariño que andou embarcado toda a vida. Lolita e muller de mariñeiro. Ela sabe moi ben como todalas mulleres dos mariñeiros teñen que facer de pais e nais ao tempo. A Aula do Mar de Cariño sae a facer visitas ornitolóxicas e turísticas por esta zona da costa. Jose Miguel e o seu guía. A tradición máis famosa en Cariño é a Danza de Arcos. Con Donato veremos que é. Cariño López e un heroe que participou activamente na liberación de Europa do fascismo. O seu neto, Andrés de Modesto, contaranos como foi a súa vida.

NOTA DE PRENSA CARIÑO CURTA

Este é  o porto con máis tradición no Cantábrico galego. A captura máis importante deste porto era a pescada pero son o xurelo, a sardiña, e a xarda. Sen esquecer o percebe.

Suso Vizoso, falarános da importancia desta institución en Cariño.

Guillermo Canosa e un percebeiro que traballa sempre nos perigosos aguillóns do Cabo Ortegal.

Luis Hevia ensinaranos os mares a as diferentes pedras que conforman a costa de Cariño.

Inés agora traballa nunha conserveira pero antes estivo embarcada nunha draga.

Ubaldo e un dos vellos mariñeiros de Cariño que andivo embarcado toda a vida.

Lolita e muller de mariñeiro. Ela sabe moi ben como todalas mulleres dos mariñeiros teñen que facer de pais e nais ao tempo.

A Aula do Mar de Cariño sae a facer visitas ornitolóxicas e turísticas por esta zona da costa. Jose Miguel e o seu guía.

A tradición máis famosa en Cariño é a Danza de Arcos. Con Donato  veremos que é.

Cariño López e un heroe que participou activamente na liberación de Europa do fascismo. O seu neto, Andrés de Modesto, contaranos como foi a súa vida.

CARIÑO. XENTES QUE APORTAN Á SÚA PAISAXE

Posted in Uncategorized on 2009/07/10 by programasalitre

Cariño soa ao bater do mar nos aguillóns de Ortegal, a formación rochosa máis antiga da península Ibérica. Este son as veces exerce de canto de serea que atrae aos viaxeiros, e non fan mal en seguir esa chamada para chegar ao espectacular Ortegal, do que se pode dicir o mesmo que dixo Uxío Novoneyra dos “tesos cumes do Caurel”:  Eiqui síntese ben o pouco que é un home. A viaxe a Ortegal valerá a pena. Pero nós queremos que non te quedes na paisaxe, que sigas camiño ao centro do corazón das xentes mariñeiras do porto de Cariño; porque aquí síntese ben o moito que as xentes poden aportar a súa paisaxe, para dotala de historia. Así é Cariño un continente fermoso cun contido máis fermoso aínda, por humano, entrañable e confortable. Xentes para abrazar as de Cariño, que as veces transmiten un pouso na alma de decepción por crer que perderon algo no transcorrer do tempo, pero nós sabemos que non é así: un pobo grande de verdade nunca perde a súa grandeza.

X. H. Rivadulla Corcón

15,1 – 135.000 galegos e galegas

Posted in Uncategorized on 2009/07/06 by programasalitre

Na emisión do programa de Salitre no Porto de Malpica acadamos unha audiciencia media de 15,1 %. Audiciencia que sempre foi en aumento ata rematar o espazo con o 20% do share.

Coma sempre, moitas grazas a todos.

Luns 6 de xullo: Salitre en CAMBADOS

Posted in Uncategorized on 2009/07/03 by programasalitre

Cambados é un porto cheo de historias e xentes emprendedoras como as mariscadoras que co fin de conservar o marisqueo, levaron a cabo medidas para a recuperación do berberechos e ameixas. Mª José, unha das mariscadoras, ensinará como se collen na seca as miñocas que logo se venden para cebo. Damián é o abastecedor da gasolineira que hai no porto. Atoparemos unha das depuradoras pioneira no emprego da atmosfera modificada para o marisco, o que ofrece moitas vantaxes para a comercialización. Na lonxa de Tragove realízanse dous tipos de poxa, a tradicional e a dixital, Ramón Somoza explicará a diferenza entre elas. Coñeceremos como se fai un butrón da man de Charo, que comezou na profesión de atadeira aos nove anos e arranxa todo tipos de aparellos, como os que emprega Samuel Vázquez no seu oficio de mariñeiro. Ángel, un mariñeiro retirado que agora se dedica entre outras cousas a cultivar albariño, contará as súas experiencias no mar ao longo de toda unha vida.