NO GROVE UN MAR MOI VERDADEIRO

Ao pensar no porto do Grove vexo luz e sinto tranquilidade. Pola ría de Arousa entra no Grove unha brisa mariña luminosa e sosegada. Isto fai que apreciemos neste porto un ritmo distinto, de xentes con tempo para deterse a contemplar a vida, o que permite unha mirada sobre ela reflexiva e por tanto filosófica. Son as xentes do mar do Grove de natural mariñeiras, como se este aspecto viñera a eles coa propia vida, non como algo adquirido no transcurso dela, como se naceran xentes mariñas, por iso miran ao mar e falan con el e del como quen o fai con xente de confianza. Isto permite ter unha visión sen dramatismos das traxedias mariñas, o que deixa espazo para manifestacións de alegría. Son xentes alegres porque saben destilar a alegría no alambique das historias mariñas. Resultounos un mar moi verdadeiro este do Grove por esa naturalidade tan mariñeira, onde cada cousa é o que é porque non existe a posibilidade de ser outra cousas. Cando se é mar se é sen máis.

X. H. Rivadulla Corcón

Deixar un comentario